XOSÉ MANUEL BEIRAS
Domingo 28.01.2007 Galicia-Hoxe.com
“Era un día de setembro do 1951″. Un home moi novo, forasteiro, vinteseis anos, filósofo, catedrático do trinque, recén casado cunha intelixente muller moi fermosa, chega a Compostela para exercer a docencia na Universidade. Non fai como outros, tántos naqueles tempos e tamén dispois, que toman posesión e vanse, dacabalo da forza centrípeta que desnutre constantemente ás universidades chamadas polo entón “de provincias”, no campo gravitatorio dun sistema tan anémico, opaco e centralizado coma o proprio rexime político que impera, manumilitare, dende a rebelión fascista contra a IIª República. Il, non. Il profesa a filosofía e vai predicar co exemplo, praticar a maiéutica socrática. Il vai ficar nesta periferia o tempo preciso para coñecela, comprendela e deixar un labor feito. Ficará durante un decenio, ensinará, amará e até emparentará e botará raiceiras que seguirán a vencellalo a esta nosa Terra polo resto da sua vida.