Etiquetas

, , , ,

XOSÉ MANUEL BEIRAS

Domingo 28.01.2007 Galicia-Hoxe.com

“Era un día de setembro do 1951”. Un home moi novo, forasteiro, vinteseis anos, filósofo, catedrático do trinque, recén casado cunha intelixente muller moi fermosa, chega a Compostela para exercer a docencia na Universidade. Non fai como outros, tántos naqueles tempos e tamén dispois, que toman posesión e vanse, dacabalo da forza centrípeta que desnutre constantemente ás universidades chamadas polo entón “de provincias”, no campo gravitatorio dun sistema tan anémico, opaco e centralizado coma o proprio rexime político que impera, manumilitare, dende a rebelión fascista contra a IIª República. Il, non. Il profesa a filosofía e vai predicar co exemplo, praticar a maiéutica socrática. Il vai ficar nesta periferia o tempo preciso para coñecela, comprendela e deixar un labor feito. Ficará durante un decenio, ensinará, amará e até emparentará e botará raiceiras que seguirán a vencellalo a esta nosa Terra polo resto da sua vida.

Ese home chámase Carlos Paris, bilbaino de nación, madrileño de formación e galego de adopción. O home que hoxe nos presenta as suas Memorias sobre medio siglo, e que explícitamente declara: “Escollín como iniciación destas memorias aquel intre da miña chegada a Compostela, que era o principio dunha nova vida para min”. E engade: “E non só para min se iniciaba unha nova etapa. Tamén para a historia do noso país.”

Itinerario persoal e historia colectiva: velaí os dous planos, as duas dimensións, nas que se tece o proceso e a urdime dialóxica e dialética deste relato. Porque dun relato se trata. E Paris explicítao dende o comenzo mesmo da narración. Resulta difícil escribir memorias que non mintan sobre ún mesmo ou non deformen a realidade circundante. Ou ben redundan no monólogo dun ego hipertrofiado, ou ben son crónica sesgada de aconteceres que se moven na epidermis da historia: rara vez o autor evita caír a rebolos por unha desas duas pendentes, as duas caeiras do espiñazo polo que transita a sua andaina existencial cando pretende erixirse en protagonista da historia. Mais Carlos Paris non ten esa pretensión. Home de esquerdas cabal, sabe moi ben que os indivíduos humáns non camiñamos polos cumes, senón polos fondais da historia colectiva, e vemos a paisaxe social dende abaixo, non a dexergamos dende as alturas. E, portanto, il mergúllase no contexto do seu tempo: “medio siglo”. Mais meio século dunha indicíbel aceleración histórica. Explicítao dende o comenzo, repito: “unha alucinante viaxe no tempo, a traveso de varios séculos, concentrados, solprendentemente, nunha vida”, a vida “dunha xeración que espertou na contrarreforma e chegou aos días de internet e da globalización”. Noutras verbas: “en varias ocasións dixen que as persoas pertencentes á miña xeración vivíamos a experiencia histórica máis longa que se poda imaxinar: pasarmos dos tempos dos Reis Católicos (…) á época actual”.

Na tensión dialética antre a peripecia persoal e o proceso social técese, xa que logo, o relato desenvolvido nestas memorias, que non son, portanto, nen monólogo do eu nen crónica dos outros. E ese enfoque, traducido en método de composición e exposición, dá lugar a que o relato non sexa cronolóxico lineal, senón ao xeito do contrapunto musical: unha estrutura fugada dos temas, que se proxecta e desenvolve no compás do tempo. Os temas da vida pública, da vida íntima, do proceso inteleitual, da dimensión política, dialogan de xeito contrapuntístico, e ora aparecen, ora somergullan, avanzan ou retornan no tempo, adiante e atrás no decurso biográfico segundo require a lóxica do contrapunto temático que os ensarilla no relato.

Nese seu relato, Carlos Paris somete o exercizo da memoria á disciplina da veracidade sen convirtila nun corsé. Sen preconceitos cando descrebe o mundo que o arrodea en cada etapa e lugar. Sen autocensura cando expón a sua evolución ideolóxica. Até desinibido e libérrimo cando fala da sua intimidade e a sua vida afectiva, con delicadeza de esprito mais sen falso pudor. Eu puiden percibilo e comprobalo especialmente nos treitos que se refiren á etapa da que fun testemuña como cidadán, viciño e compañeiro na comunidade universitaria compostelán -só que il na actividade docente e eu, daquela, na discente. Hai un ano que il se incorporou como catedrático cando eu ingreso como estudante de Dereito, no outono do 1952. Cáseque tódolos episodios que il relata dese período vivínos eu de perto, e tódalas persoaxes que no relato aparecen coñecinas e, a moitas delas, trateinas. Incluído o trío dos Carlos -Paris, Alonso del Real e Soveral, o activo e culto leitor de portugués do entón: lémbrome perfeitamente do “inaudito” acontecemento dos ciclos de conferencias encol de Darwin e Marx. E, naturalmente, os Bouza: conmóveme profundamente a semblanza enaltecedora que fai Carlos Paris da sobranceira persoalidade humán e inteleitual do meu ademirado e entrañábel amigo Fermín Bouza Brey, quen ía ser seu sogro.

Dóeme que a miña asistencia ao Foro Social Mundial en Nairobi me impida acompañar a Carlos na presentación deste seu lúcido e exemplar exercizo de memoria veraz. Sirvan estas liñas para estar presente e participar dende a distancia, só xeográfica e momentánea. Parabens pola boa e fidel memoria do Carlos Paris. Parabens pola sua lealdade á ética da veracidade testemuñal.

Anuncios