Etiquetas

, ,

Antón Baamonde laopinióncoruña.es

Viernes 26 de enero de 2007

Asisto á presentación, na Facultade de Filosofía de Santiago, de Memorias de medio siglo (Ed. Península), de Carlos París. O autor foi un moi novo catedrático desa Universidade: con vinte e seis anos desembarcou na pequena cidade, para facer un efecto considerable nas rapazas daquel 1951. Viña recen casado, cunha vespa e cheo de ilusión, como aínda da o aspecto hoxe. Proviña, claro, do ambiente intelectual do franquismo, o que naquelas horas quería dicir que tiña un fondo falanxista combinado cun certo misticismo católico. Como lle pasou a outros rapaces da burguesía da época o réxime logo desilusionou as súas ínfulas máis ou menos revolucionarias, que se supoñía o partido de José Antonio encarnaba. A partir de aí iniciou un camiño que o levou á solidarizarse primeiro coa oposición ao réxime e, ao final do camiño, a ingresar no Partido Comunista, fidelidade que aínda mantén, aos seus oitenta e dous anos con notable alegría. Da gusto ver xente así.

Ese decurso non é tan raro como poda parecer e, dende logo, constitúe un deses estratos de significado que unha sensibilidade capaz debe saber detectar. Un dos grandes consensos implícitos que hai en España provén dese fondo vagamente católico que fixo posible que unha xeración enteira de persoas, tendo que escoller entre as formas hipócritas e estreitas de relixión, a mentira do réxime e o fondo social da mensaxe deu o paso cara a esquerda. Nos anos sesenta ese fenómeno foi masivo, e é un dos misterios que explican o modo en que a transición se deu.

Un dos fitos dese camiño foi a relación co padre José María Llanos, confesor que foi de Franco e que, levado pola súa coraxe, e pola súa solidariedade cos probes, foise a vivir no Pozo do Tío Raimundo, o naquel entón barrio de chabolas que conseguiu ir mellorando pouco a pouco, e que, tamén el, acabou ingresando no PC. Conta Carlos París que nunha ocasión o crego lle comentou que a súa filosofía coincidía coa de Sartre, “pero coronada pola cruz”. “Pensaba Llanos en la desolación de la vida y en la grandeza de mantener en ella el esfuerzo utópico”, comenta. A miña xeración veneraba estes mitos de carne e oso, que eran conmovedores e que mostraban que o cambio de ideas ditado pola pura humanidade é posible. Na época o cinismo non se consideraba unha posibilidade, e agora o recordo con sorpresa e con nostalxia.

Anuncios